Saturday 04 de May de 2024

Entroido 2024


A concelleira de Cultura, Antía Alberte, e o concelleiro de Festexos, Francisco-Suárez Puerta presentaron hoxe a programación para o Entroido 2024.

Dende o venres 9 de febreiro pola tarde haberá charangas que actuarán tanto por Ribeira como polas parroquias, rotando os lugares para que a música chegue a todos os recunchos.

Así comezarán as actuacións coa charanga Fanfarria Furruxa en Carreira e Castiñeiras o venres 9, e ese mesmo día estarán os Celtas da Baña en Ribeira.

O sábado, día 10, haberá tres charangas: en Palmeira e Aguiño estará Fanfarria Furruxa e en Ribeira a charanga Bandiños Band (de Ourense) e Os Celtas da Baña. Este día tamén terá lugar un espectáculo de monicreques dirixido á poboación infantil a cargo de Títeres Brincadeira e que se titula “Onde viven os monstros”. Será ás doce da mañá no Centro Cultural Lustres Rivas e as familias interesadas poderán acudir reservando a súa praza enviando un correo normalizacion@ribeira.gal .

Ao longo do sábado celebrarase o expreso do Entroido, o tren infantil que percorrerá as rúas da cidade, con saída e chegada na Praza do Concello de 11 a 14 e de 16.30h a 19.30h, e co que tamén se busca dinamizar as rúas da cidade e o tecido comercial.

O domingo 11, animarán as rúas as charangas Fanfarria Furruxa BB+, e como novidade organizarase unha festa infantil con concurso de disfraces. A festa será aberta e gratuíta e comezará ás cinco da tarde e terá lugar na carpa do Malecón, e contará con obradoiros variados de tatuaxes, globoflexia, tamén distintos inchables, unha festa de neón, actuación musical cun Dj e no marco desa festa, arredor das 7 da tarde, haberá unha pasarela de disfraces na que poderá desfilar toda a rapazada e só por facelo recibirán unha bolsa de lambetadas (ata esgotar existencias).

Aqueles que desfilen e queiran entrar na fase de concurso deberán enviar a súa fotografía desfilando xunto cos seus datos ao correo comercio@ribeira.gal e poderán optar a 4 premios por importe de 150 euros cada un para mercar en distintos establecementos do comercio local. Indicar para os interesados que as bases completas deste concurso nas que se indican os prazos para enviar as imaxes así como outros detalles, publicáronse hoxe mesmo no Boletín Oficial Da Provincia da Coruña e xa poden consultarse na nosa páxina web municipal.

O luns 12 de febreiro (véspera do festivo local) teremos o xa tradicional concurso de disfraces para maiores de 18 anos que este ano aumenta o seu horario e comezará xa ás 12 do mediodía e ata as 4:30h da madrugada contando coa colaboración dos bares participantes, para que aquelas persoas que o prefiran tamén poidan sumarse ao concurso en horario diurno mentres van tomar as tapas a media mañá ou pola tarde. Como sempre, neste concurso repartiranse máis de 2.300€ en premios nas categorías individual, parella ou trío e grupo (dun mínimo de catro persoas). As bases deste concurso tamén se poden consultar xa na web municipal para coñecer en detalle a mecánica do mesmo, os prazos para o envío da fotografía e demais.

O luns, tamén contaremos de novo con tren infantil percorrendo as rúas da cidade, con rutas distintas ás do sábado, e con saída e chegada dende as 11 da mañá da parada central de autobuses do Malecón. Así mesmo nesta xornada, animaremos o concurso de disfraces coas actuacións das charangas BB+ e Os Celtas da Baña. Este día remata coa actuación a partir das 12 da noite na carpa do malecón de Discomóbil Chocolate con Tito Máverick.

O martes 13, festivo local, é o Concurso, desfile e festival de Murgas, Comparsas e Carrozas, cuxo desfile sairá ás 5 da tarde do entorno do auditorio municipal e rematará na carpa do entroido, onde comezará a fase de concurso. En todo este percorrido estarán acompañadas as agrupacións pola charanga Fanfarria Furruxa de Caldas, Caña Aquí de Ourense e o grupo Latexo Percusión.

O mércores, día 14, é o Enterro do Felipe, para o que contamos unha vez máis coa importante colaboración dos usuarios do obradoiro de carpintaría da UCA que se encargan da creacióne preparación deste personaxe. A comitiva que o acompañará, xunto coa charanga Os Celtas da Baña, ten prevista a súa saída ás 19.30h do entorno de Capitanía Marítima e chega á Praza dos Mariñeiros onde terá lugar a súa queima con fogos de artificio. Ao rematar ofreceremos unha degustación de doces típicos de Entroido na carpa do Malecón.

E unha vez pasados estes días grandes do Entroido, aínda teremos o Entroido Pequeno, que celebraremos o sábado 17 de febreiro e o domingo 18 coa ruta de tapas en colaboración coa asociación de Hostaleiros de Ribeira, na que os participantes que proben algunhas destas creacións culinarias entrarán no sorteo dun agasallo sorpresa. O sábado a ruta de tapas será de 19 a 22 h e o domingo de 12 a 15h, e ambos os días estará animada pola Charanga os Celtas da Baña.

O sábado 17 tamén se organiza outro espectáculo infantil dirixido a nenas e nenos máis pequenos de 0 a 6 anos. Títulase “Nano Canta Croac”, da artista Raquel Queizás, e terá lugar no Centro Cultural Lustres Rivas ás 12 da mañá, previa inscrición no correo electrónico normalizacion@ribeira.gal

No entroido pequeno tamén continua o percorrido das charangas polas parroquias e o sábado a súa música chegará a Artes a partir das 6 da tarde e a Corrubedo a partir das sete e media. No domingo, estarán en Oleiros e en Olveira.